Conclusión

Alterar Idioma

Entendidas as fortificacións dunha forma xenérica, como símbolos dunha liña de fronteira secular, que perderan hoxe o seu valor, como instalacións de carácter bélico, estas gañan, por outro lado, a importancia indiscutible como monumentos e símbolos da historia de Portugal e Galiza, e como exemplos de evolución civilización.

A súa valorización e divulgación gaña un novo impacto realmente significativo, ao seren aprehendidos nunha perspectiva de conxunto, como lugares que foron marcando un territorio articulándose e estruturándoo ao longo dos séculos.

É precisamente nesta perspectiva, cun carácter fundamentalmente cultural, social e lúdico, que será posible reler e volver a gozar das potencialidades que estas fortificacións encerran.

A liña de fronteira que o río Miño delimita, pola súa antigüidade e inmutabilidade ao longo dos séculos, configura unha situación rara nunha Europa, que ata ben tarde foi palco de definición de estados nacionais, encontrándose hoxe integrados, dentro dos diferentes países, algúns dos seus monumentos bélicos máis importantes.

Por outro lado, a través dos distintos sistemas é posible ver a evolución das técnicas, das fortificacións, das ocupacións territoriais, do desenvolvemento e da decadencia social e económico das zonas periféricas. Así, todo este importante conxunto patrimonial, debidamente encadrado, analizado, valorizado, divulgado e impelido, poderá chegar a constituír un dos factores culturais máis importantes para o desenvolvemento do Val do Miño/ Baixo Miño.

En termos sintéticos, as propostas para a preservación do patrimonio en estudo son articuladas segundo dúas liñas, que se consideran fundamentais:

1. Promover a investigación e o estudo nos diversos campos
artísticos, técnicos e científicos, para obter un coñecemento cada vez máis fondo, que permita definir de forma rigorosa os criterios e as metodoloxías de conservación e restauración.

2. Definir estratexias de divulgación e presentación ao
público en xeral, como parte integrante dun proceso de restauración e valorización, do cal deberá constar unha definición de prioridades escalonadas no tempo, facendo da poboación e dos visitantes unha das partes directamente intervenientes, como depositarios dun coñecemento a organizar e divulgar a nivel nacional e internacional.

No primeiro caso, non hai mellor política para a salvagarda dun ben do que proporcionar a continuidade da súa utilización evitándose o abandono, as accións de vandalismo humano, os axentes de degradación e ruína aceleradas. Tamén é verdade que manter o uso inicial ou con carácter semellante é, por regra xeral, o que mellor permite a conservación e autenticidade dos monumentos.

Non é sen embargo o caso das fortificacións militares, para as cales haberá que buscar novos usos compatibles coa preservación das súas características. Máis do que unha rentabilización a calquera prezo e criterio, o patrimonio en causa esixe que se afonden nos coñecementos, se divulguen as súas características (históricas, técnicas, etc.), para que poidan chegar a ser un dos elementos fundamentais da promoción turística da zona do río Miño e das súas belezas naturais.

Non se pretende simplemente avanzar cun “percorrido” ou unha “rota” máis, aínda que ese poida ser tamén un dos obxectivos, porén sen crear unha estrutura e un programa coherentes que permitan salvagardar e reutilizar, nos modos que se entenderen, procurando intervir adecuadamente nestes monumentos históricos.

Desta forma, se tentará asociar as estruturas militares, noutrora símbolo de forza, poder, autoridade, sacrificio, a novas perspectivas de cultura e lecer, non como meros colectores históricos, senón promovendo de forma eficaz e suxestiva unha articulación frutuosa entre o pasado e o futuro.

Unha suxestión de valorización deses elementos pode pasar, por exemplo, pola creación de pequenos parques protexidos. Escoller, igualmente, puntos de altitudes intermedias para traxectos de aproximación e visualización a partir dos montes situados ao redor. Búscase fomentar mecanismos que faciliten a preservación e revalorización das relacións visuais, dos monumentos entre si e destes co seu entorno.

A fortificación abaluartada é, con independencia do material de construción e do seu estado de conservación, o resultado dun trazado xeométrico preciso e regrado, segundo a arte da fortificación militar. Podería mesmo dicirse que canto máis pobre (ou sutil) é o material maior a importancia do trazado xeométrico. O trazado é por tanto, un valor intrínseco fundamental da fortificación abaluartada, a súa preservación e lectura debe ser un obxectivo prioritario de intervención.

Esta situación é especialmente notoria en dous casos particulares:

(i) o dos Fortes de terra, realizados con rapidez no decorrer da guerra, en situacións de emerxencia, aínda que seguiron de forma exemplar as teorías bélicas presentando configuracións xeométricas perfectas, moitas veces en forma de estrela, e o dos castelos roqueiros, nos que é o territorio onde se implantan, que se destaca. Nestes casos, asume especial interese a valorización da área arredor dos monumentos. Esta constitúe unha área de transición, onde se exerce, moitas veces, unha interacción entre o monumento e as novas zonas de expansión dos núcleos urbanos ou os novos conxuntos de rúas con forte impacto polo mero tránsito de pasaxe de vehículos e persoas. Será igualmente aquí onde máis facilmente se poderán localizar as indispensables áreas de acollemento aos turistas e á poboación en xeral e, a partir dela, definir eventuais percorridos e ofrecer propostas e alternativas de lecer. Debe aínda terse presente a necesidade de equipamentos de apoio – sexa centro interpretativo, sexa parque de merendas, bar ou estacionamento – os cales, sempre que sexa posible, deben relacionarse con recursos xa existentes e, nos casos nos que iso non sexa posible, deberán ser localizados de preferencia nestas periferias, estudándose e promovéndose traxectos e paseos pedestres máis suxestivos.

(ii) No que respecta á segunda liña de intervención, é fundamental explicar os sistemas fortificados que se sobrepoñen no territorio, especialmente o das fortalezas dos séculos XVII e XVIII, a partir de lugares dos cales sexan visibles, como poden ser as atalaias, así como no lugar onde se encontran implantados.

Igualmente, a evolución urbana das cidades, que se opón fronte a fronte a ambos os lados das ligazóns fronteirizas, debe ser aclarada, a partir dunha perspectiva de historia urbana, aproveitando as condicións de visibilidade existentes entre os pares de cidades.

Así, tendo en conta o punto de vista da lectura estratigráfica do territorio, que se propón a partir dos modelos de estudo antes mencionados, xorden dous tipos de centros de interpretación en relación, respectivamente, coas lecturas horizontais e verticais do diagrama estratigráfico. Así, ás atalaias corresponderíalles a explicación dun sistema considerando a súa extensión e determinación territorial. Por outro lado, aos centros urbanos correspondería a sobreposición vertical, sobre un mesmo lugar, de estruturas medievais e modernas.

Neste contexto, o Plano Director das Fortalezas Transfronteirizas do Val do Miño/ Baixo Miño ten potencial para se converter nun instrumento esencial no sentido da salvagarda, promoción e revalorización deste importante conxunto patrimonial. A súa acción desenvólvese en tres campos principais, os cales se subdividen nun conxunto de instrumentos que desenvolven, por si mesmos, proxectos ou traballos concretos. Estes campos son:

• Planeamento territorial, urbanístico e sectorial: mediante a elaboración dun conxunto de normas e directrices de carácter sectorial ou urbanístico desenvolven e concretan criterios de protección e promoción do patrimonio en estudo. O obxectivo principal é preservar a idea de conxunto e actuar nunha perspectiva supra municipal con criterios e clasificacións homoxéneas.

• Restauración, reconstrución e rehabilitación: as actuacións a propor para as fortalezas axudarán a mellorar os sistemas, conxuntos e elementos que compoñen o sistema territorial das fortalezas, debidamente encadradas co seu entorno.

• Musealización e instrumentalización turística do territorio, dos sistemas, subsistemas e elementos: a consideración do patrimonio como un recurso de dinamización do turismo cultural e, consecuentemente, da economía lugar esixe a súa reconsideración nun contexto de abertura e difusión dos seus valores. Para isto, o uso das tecnoloxías da información, así como, das técnicas de marketing, poden e deben apoiar a súa concreción mediante propostas para publicacións, centros de interpretación, áreas de recreo e de ocio, transporte, sistemas de rotas e visitas guiadas, así como outros elementos de contido e infraestrutura turística. As novas tecnoloxías que identifican a Sociedade da Información emerxente permitirán ampliar as fronteiras e diluír o tempo converténdose un vehículo privilexiado para a diseminación de contidos. A dispoñibilidade de información a través da web coa posibilidade de xeración de modelos e modos de navegación virtuais permitirá ao mesmo tempo ampliar as posibilidades de coñecemento do Sistema de Fortificacións Transfronteirizas.

Tamén, os Sistemas de Información Xeográfica ao xeoreferenciar e localizar a información permite comparala coa información territorial dispoñible, especialmente, a que se apoia en sistemas de actualización remota como satélite, ao mesmo tempo que posibilita a súa visualización sobre unha base cartográfica facéndoa accesible aos usuarios finais sobre todo a través da web.