Encadramento Ambiental

Alterar Idioma

“O territorio non ten historia, os lugares si.” 1

O marco territorial do Plano Director das Fortalezas Transfronteirizas do Val do Miño /Baixo Miño é o val hidrográfico deste río, no seu tramo coincidente do lado Galego, coa provincia de Pontevedra e do lado Portugués, co Alto-Miño. A importancia ecolóxica do val hidrográfico do río Miño encóntrase patente nas diversas áreas dedicadas à conservación da natureza existentes.

Do lado portugués debemos destacar:

• Dúas áreas protexidas, o Parque Nacional da Peneda - Gerês e a Paisaxe Protexida do Corno do Bico;

• Dúas zonas de Protección Especial para a avifauna, a Serra do Gerês e os Estuarios dos ríos Miño e Coura.

• Dous lugares integrados na Lista Nacional de Sítios da Rede Natura 2000, a Peneda/Gerês e o río Miño;

Do lado galego, existen tamén tres sitios coa denominación LIC (Lugares de Interés Comunitario), os cales foran propostos para integrar a Rede Natura 2000:

• Baixo Miño: territorio cunha extensión de cerca de 2.792ha, que abarca un importante tramo do río Miño, onde unha combinación de ambientes fluviais, mariños e salobres, xuntamente con outros factores como a temperatura e a elevada produtividade das augas, fan deste un dos espazos naturais de maior diversidade biolóxica de toda a Galiza. Durante o Inverno alberga un grande número de aves acuáticas.

• Gándaras de Budiño: comprende unha zona pantanosa con importantes formacións de bosques de ribeira. A vexetación acuática e a existencia de turbas están amplamente representadas. É unha área importante para aves acuáticas.

• Río Tea: a importancia deste territorio radica na existencia de salmón atlántico e un bosque ribeiriño pautado por amieiros e pequenas manchas boscosas autóctonas. Ofrece boas praias fluviais e afloramentos graníticos esculpidos polas intemperies.

En termos xerais, a hidrografía do val do río Miño encóntrase condicionada por dous factores básicos:

• A climatoloxía que determinará as dispoñibilidades hídricas da área;

• O carácter litolóxico do territorio, configurado en termos xerais por materiais graníticos que pola súa natureza son materiais de baixa permeabilidade, favorecendo un predominio da circulación hídrica en forma de veas subterráneas e superficiais, entre os cales se destaca claramente o Río Miño.

O río Miño é un río internacional que nace en España, na serra de Meira e desemboca fronte a Caminha e A Guarda, despois dun percorrido de 300 km, dos cales 70 forman a fronteira entre Portugal e España – a denominada “raia húmida”.

O val hidrográfico do río Miño cobre unha área total de 17.080 Km2, dos cales 1.934 Km2 corresponden á área internacional, sendo que da totalidade da área do val o 95% se sitúa en España e apenas o 5% - correspondentes a 800 Km2 - en Portugal.

Xeograficamente, o tramo internacional do río Miño pode ser dividido en tres zonas.

• Na zona da nacente - desde a fronteira ata Monção, é
rochosa e caracterizada pola alternancia entre vales anchos e vales encaixados rodeados por escarpas de acentuado declive. Esta zona non é navegable e distínguese pola presenza dunha paisaxe cun carácter eminentemente cultural, na cal se destaca o cultivo da viña.

• Na zona intermedia – entre Monção e Valença - iníciase a
deposición de materiais en suspensión e comezan a xurdir illas e praias fluviais. A partir desta zona encóntrase unha maior diversidade de ecosistemas naturais, que se traduce nunha paisaxe máis diversificada, derivada da maior largura da liña de auga e da meandrización das marxes.

• Na zona da desembocadura – a corrente é máis lenta e a
influencia das mareas é máis acentuada; como resultado a deposición de materiais é máis intensa e fórmanse bancos, que van dando orixe a illas.

Daquela, en termos xeomorfolóxicos, a rexión do Alto Miño/Baixo Miño está marcada pola oposición entre orografías elevadas que culminan en elevadas chairas descontinuas, e vales profundos aínda que anchos de fondo aplanado.

A orixinalidade desta orografía débese ao predominio das rochas cristalinas, á existencia de condicións climáticas húmidas favorables, á súa alteración e tamén á complexidade dos movementos tectónicos a nivel rexional.

A área de estudo encóntrase maioritariamente sobre un substrato granítico correspondente a materiais de natureza metamórfica, que xorde cunha orientación aproximada Noroeste-Sudeste, e que marcan a dirección principal da macroestrutura arrasada durante o Mesozoico.

Os solos caracterízanse pola elevada espesura e fertilidade orixinada pola acumulación de sedimentos transportados pola auga, o que lles atribúe grandes calidades agrícolas, sendo usados desde tempos inmemoriais para a explotación dunha grande diversidade de cultivos agrícolas.

Nas zonas máis altas das serras os solos son xeralmente fracos e pobres, de fraca aptitude agrícola, frecuentemente suxeitos a fortes fenómenos erosivos, deixando o substrato rochoso à vista.

O clima da rexión é influenciado pola proximidade do océano, pola orografía do territorio onde as cadeas montañosas impiden a penetración das masas de ar húmido, e pola altitude de determinadas zonas que xera situacións climáticas máis agrestes.

A proximidade oceánica fai que se rexistren temperaturas superiores ás normais nestas latitudes. As borrascas atlánticas traen aire tépedo e cargado de humidade pola corrente do Golfo. Na franxa costeira as temperaturas oscilan entre os 8º-10º no Inverno e os 20º-25ºno Verán.

En termos térmicos destácanse tres situacións distintas: o litoral caracterizado por un Verán fresco e un Inverno moderado; no val do río Miño e nos seus afluentes un Verán quente e un Inverno fresco, e as zonas montañosas do interior onde o Verán é fresco e o Inverno é frío, ou mesmo, moi frío.

Esta é unha rexión bastante pluviosa, debido á disposición e altitude dos conxuntos montañosos que provocan a ascensión forzada das masas de aire húmido proveniente do océano.

Os fenómenos de condensación, como a noboeira e a nebulosidade, son frecuentes tanto nas zonas litoral e máis baixas do val do río Miño e os seus afluentes como nas vertentes das cadeas montañosas especialmente as viradas para Oeste, Norte e Sur, conforme a dirección do vento.

A vexetación supón un elemento estrutural de primeira orde á hora de determinar as características espaciais dos ecosistemas ao mesmo tempo que condiciona definitivamente a fauna e a estrutura da paisaxe. A cobertura vexetal é o resultado da combinación de aspectos xeomorfolóxicos, dos litosolos, dos rochedos graníticos, das pendentes e dos usos históricos do monte, entre os cales se deben destacar os incendios forestais, coa consecuente perda de cobertura vexetal.

Fundamentalmente, a cobertura vexetal actual é a consecuencia das repoboacións con coníferas efectuadas a principios do século XX, para paliar a paisaxe desoladora posterior a unha vaga de incendios.

Desde o punto de vista taxonómico vexetal a rexión en estudo encóntrase na Rexión Eurosiberiana, Provincia Cantabro-Atlántica, Sector Galaico-Portugués, Subsector Miñoto. Así desde o punto de vista bioxeográfico, a vexetación potencial da Rexión Eurosiberiana é dominada por árbores caducifolias mesófilas, como Carballo-albariño, Bidueiro, Faia, Freixo. Nas zonas de transición entre esta rexión e a Mediterránea, constátase a presenza de especies características de ámbalas rexións, sendo frecuentes as especies subesclerófilas marcescentifolias como carballo cerquiño que representan unha forma de vida intermedia entre as caducifolias mesófilas, da Rexión Eurosiberiana, e as esclerófilas perennifolias da Rexión Mediterránea.

De forma máis concreta a vexetación de carácter oceánico da fachada litoral da Europa Occidental, está constituída por especies atlánticas, sendo o seu máis xenuíno representante o Carballo-albariño, cuxa expansión seguiu unha vía migratoria que percorre a costa cantábrica e sobrepasa Galiza ata desaparecer en Aveiro (Portugal), lugar no cal se sitúa o límite da rexión Eurosiberiana. 2

Os bosques característicos das terras litorais a Occidente da dorsal galega pertencen ás asociacións de aciñais e de juniperus, aínda que, por se tratar de territorios que sofren unha forte presión antrópica se ven relegados a pequenos enclaves. A maior influencia mediterránea neste subsector faise sentir pola presenza frecuente do Sobreiro. Outras especies que caracterizan estes bosques son o Acivro, Loureiro, Abruñeiro, Pereira, Amieiro negro. Os terreos máis agrestes encóntranse dedicados actualmente à produción de madeiras, baseada practicamente no cultivo de dúas especies que presentan un crecemento rápido: Piñeiro bravo e Eucalipto.

Como substitución destes bosques, domina a asociación Toxo-urzais, entre o nivel do mar e os 700-750m. Entre as especies que compoñen a asociación encóntranse distintos tipos de Toxo, Carrasco, Urce, Salgueiriño.

Nas etapas de degradación, provocadas con frecuencia polos incendios, aparecen Erva molar-Betula e as etapas de substitución máis avanzadas son constituídas por Xesta das vasoiras e Xesta florida.
A crianza de gando condiciona fortemente a expansión da vexetación climática aumentando as praderías como consecuencia do pastoreo extensivo.

Por outro lado, a vexetación boscosa e o mato conviven coas paisaxes agrarias tradicionais que configuran a paisaxe.

A rexión é caracterizada por un poboamento denso, no que a agricultura de minifundio irrigada ten un papel preponderante para a estruturación da paisaxe. Este tipo de agricultura, na que os solos de aluvión dos vales e mesmo as costas armadas en socalcos son explotados intensamente conduce a que a potencial vexetación do lugar se restrinxa a áreas marxinais como as zonas de declive máis acentuado das serras. É neste contexto no que os ecosistemas ribeireños do río Miño e os seus afluentes gañan maior preponderancia ecolóxica, como corredores fundamentais para a conservación da natureza.

O río Miño, pola súa situación de zona baixa de grande capacidade de produción de biomasa, e pola súa vulnerabilidade a factores antrópicos encóntrase exposto a algunhas ameazas. As principais derivan das variacións do caudal polas descargas dos encoros na parte da nacente; da eventualidade de construción de novos encoros; da polución industrial, doméstica e agrícola; da explotación desordenada dos recursos piscícolas e cinexéticos; da extracción de inertes; da presenza, nos corredores ripícolas, de especies da flora infestantes, especialmente acacias, e da intensificación de prácticas agrícolas.

1 in Plano Director das Fortalezas Transfronteiriças no Tramo do Baixo Minho, p.11; 2 in Izco Sevillano