Encadramento Territorial

Alterar Idioma

As fortalezas implantadas neste territorio preséntanse baixo a forma dun único sistema xeral, no entanto, tendo en conta a necesidade de abordar este traballo de forma sistemática, estableceuse unha serie de áreas e conxuntos, tendo en conta a súa proximidade xeográfica, as etapas construtivas e os sistemas defensivos dos cales poden ter formado parte:

Na Área 1, sitúanse case a totalidade das fortalezas desde o Castelo de Santa Cruz en A Guarda, ata á Praza-Forte de Salvaterra, en Salvaterra do Miño, na Área 2, sitúanse as fortalezas de Crecente (Torre de Fornelos) na Galiza e Melgaço en Portugal. Para alén dunha clara división xeográfica das dúas pola Serra do Suído, criterios de diversa orde levaron á separación de ambas as zonas:

• Na Área 1, as fortalezas implántanse na ribeira ou nas
proximidades do río Miño; na Área 2 (a Torre de Fornelos) fano nun afluente do Miño, o río Ribadil. Deste modo, con diferenza das primeiras, a súa finalidade non é a defensa da vía fluvial principal, senón dun afluente ou mellor dun camiño e dun territorio.

• Na Área 1, á excepción daquelas fortalezas que se ergueron
sobre sistemas amurallados anteriores, a maioría das fortalezas corresponde á época moderna, entre os séculos XVII-XVIII; na Área 2 as fortalezas corresponden probablemente á época medieval e non pertencen ao momento histórico máis relevante de formación da fronteira moderna.

Ao mesmo tempo, dentro destas áreas diferenciáronse zonas ou conxuntos fortificados. Estes están formados por unha serie de elementos, que, na súa xeneralidade, posúen correspondencia entre ambos os dous lados do Miño. Defenden espazos concretos como camiños ou puntos de pasaxe do río Miño, correspondendo a zonas de pasaxe natural, como pode ser o corredor existente entre Porriño – Tui – Valença, ou a lugares onde existiron camiños tradicionais e históricos, como son as pontes de barcas que vemos sistematicamente reflectidas na cartografía histórica. Como se verá, estes mesmos camiños principais continúan a manterse na actualidade con outras traducións tecnolóxicas (pontes ou embarcacións de ligazón).

No tocante á propia implantación estratéxica das fortificacións, cómpre ter en conta algúns factores territoriais, que condicionan de forma inequívoca a súa interpretación. É o caso de estratexias de dominio territorial que determinan, por exemplo que a fortificación abaluartada estea pensada para que quede oculta no terreo e só se perciba a través da “vista de paxaro” ou desde dunha posición elevada. Por outro lado existe unha tradición, xa reflectida nos deseños de Duarte d’Armas, de colocar nos fortes grandes bandeiras, para facelos perceptibles, remediando así problemas de recoñecemento e iniciando unha tradición de marcar as fronteiras, especialmente os camiños, con bandeiras. Así, ao analizar o encadramento territorial das fortificacións non se poden esquecer os fenómenos de intervisibilidade.