O Castelo de Santiago de Aytona forma parte das fortificacións construídas polo exército galego para controlar as incursións realizadas polos portugueses, a partir de Salvaterra. Esta é a principal fortificación deste subsistema, dominando e pechando o acceso para Norte, en dirección a Tui. O nome de Santiago de Aytona débese á súa consagración ao apóstolo Santiago e por ter sido construído por D. Guillén Ramón de Moncada, marqués de Aytona, Capitán Xeneral da Galiza.
O Castelo é unha fortificación abaluartada, realizada en terra, moi alterada na actualidade, que se compuña de reduto e obra coroada, da que se conserva apenas o primeiro.
O reduto central presenta catro baluartes (S. Benito, S. Felipe, S. Guillén, St.ª Ana). Orixinariamente tería un foso todo arredor e unha porta de acceso polo lado Norte protexida por un revellín.
As defensas exteriores, actualmente desaparecidas, delimitarían unha área catro veces maior que o reduto, presentando sete baluartes, un medio baluarte e seis puntas. Era complementado por un foxo exterior e un camiño cuberto do lado de Salvaterra.
O reduto aparece gravemente afectado. Perdeu todo o seu foxo Oeste, o seu contorno está urbanizado e a vexetación non permite observar se existen outras estruturas. Encóntrase gravemente afectado sobre todo por distintos fenómenos de urbanización e pola presenza dunha vexetación moi densa.
Aínda así, no seu contorno inmediato consérvanse os restos dunha construción tradicional e do Pazo de Barreiras, que poderían estar relacionados co Castelo.
O Castelo de Santiago de Aytona fai parte do conxunto de fortificacións, xa anteriormente referidas, cuxa demolición foi ordenada pola Xunta de Guerra, trala reconquista de Salvaterra do Miño.