Fortificacións de Fillaboa

Alterar Idioma

Durante o período entre a ocupación de Salvaterra do Miño polo exército portugués, en agosto de 1643, e a conclusión do Forte de Santiago de Aytona, en finais de 1646, o exército galego levantou ao redor da Praza ocupada un reduto fortificado en terra, sobre a Ponte de Fillaboa e outros dous na planicie da Salgosa.

Da fortificación que defendía a ponte, non resta ningún vestixio. A hipótese máis viable sitúaa no lugar denominado Castelo, un lugar alto, con amplo dominio sobre a ponte e a pasaxe do río. Neste lugar era posible, ata hai uns anos, observar unha construción de planta cadrada, con cerca de 50m de lado e forte pendente en dirección a Leste e Norte, ou sexa, en dirección a Salvaterra e ao río.

A configuración deste reduto está confirmada pola documentación histórica, na cal se refire unha fortificación con planta cadrada, de catro medios baluartes nas esquinas. Os muros serían de pedra e barro. Na cartografía histórica aparece deseñada, no seu interior, unha ermida.

Do outro lado da ponte, na marxe esquerda do río Tea, entre este e Salvaterra, encóntranse en ambos os dous lados da estrada, dous redutos informes, que aínda así, deixan percibir a súa antiga condición de fortes, rodeados de numerosas trincheiras e fosos. Estes vestixios poden corresponder a dúas fortificacións que, ou ben quedaran incompletas, ou foran demolidas, trala súa construción.

O da esquerda, tendo en conta os planos rexistrados polo arquitecto Jaime Garrido, en 1982, é un reduto de planta ovoide, co lado maior orientado en sentido Este-Oeste, rodeado de foxos, camiños cubertos e unha elevación, identificada como atalaia a Sudeste do recinto.

No conxunto chaman a atención dous aspectos: (i) a aparente falta de planificación no momento de presentar unha construción sistemática, como ocorre noutras fortificacións e; (ii) a inexistencia da sucesión muralla – foxo; presente nas outras fortificacións e que aquí non é identificado, nin en dirección Oeste, nin arredor da estrutura elevada central.

Obsérvase na zona central, unha especie de reduto elevado abaluartado, de planta irregular, que podería asemellarse a unha estrela de cinco puntas, moi desvirtuada. Este elemento está rodeado de foxos, trincheiras, camiños cubertos, murallas, moitos deles sen continuidade, entrecortados, con altitudes moi variables e sen unha orde lóxica aparente.

Delimítase con nitidez o espazo “semiabaluartado”, formado por unha parte central elevada con puntas salientes lixeiramente arredondadas, de planta rectangular, rodeado por un foxo exterior e tres estruturas en dirección ao exterior do foso (no lado Sur).

Trala reconquista de Salvaterra, foi ordenada pola Xunta de Guerra, en 1659, a demolición dos fortes de Fillaboa, Aytona e da Atalaya que a cercaban, xa que estes se convertían nun perigo para a defensa de Salvaterra.