Praza-Forte de Salvaterra

Alterar Idioma

O conxunto fortificado de Salvaterra do Miño encóntrase implantado nunha zona elevada, que cae en forma de precipicio sobre o río, que o baña polo Sur. Sitúase xunta dun cruzamento de vías naturais, unha das cales sobre o río, que no séc. XVII correspondía a unha ponte de barcas.
A ocupación portuguesa de Salvaterra do Miño durou dezaseis anos, durante os cales se procedeu á súa fortificación.

Subsiste a dúbida de se a vila de Salvaterra estaría, durante a Idade Media, cercada por murallas, xa que os únicos vestixios datan da ocupación portuguesa (1643-1644). Documéntase a existencia dun reduto amurallado, de planta rectangular, limitado a Norte por un muro cun cubo de reforzo na esquina esquerda, unha entrada no centro e dúas torres ameadas. Estas parecen pegadas ao pano de muralla, denominado castelo, ou palacio do Conde.

Tendo en conta os planos históricos, a fortificación construída polos portugueses, presenta unha planta cuadrilátera irregular, co lado máis destacado cara ao río (Leste-Oeste). As dimensións acadan os 100 por 200m. As frontes viradas para terra eran abaluartadas con catro baluartes e dous medios baluartes e a fronte virada para o río, defendida pola pendente natural do terreo, presentaba apenas unha grande cortina exterior e un muro de gola situado no alto, o cal corría case paralelo ao anterior.

No alzado Oeste, era rodeada por un camiño cuberto, cun revellín. Na metade Norte, na Noroeste e en toda a fronte Este era protexida por unha falsa braga cun foso.

Accedíase ao recinto por dúas portas. A que se encontraba a Norte era denominada Porta da Fonte e a que estaba a Sur era chamada Porta da Oliva.

A fortificación conserva algunhas edificacións no seu interior, que corresponden aproximadamente a un terzo das construcións sinaladas nos planos históricos. Das que se conservan, interesa destacar: un castelo, unha igrexa que aparentemente se incluiría na época moderna; unha edificación que mantén a tipoloxía dunha casa cuartel, polo menos en planta. Tamén se conserva a Porta de la Oliva e ata hai algúns anos conservábanse os muros da fronte Oeste e parte dos muros Leste.

Nos últimos anos do século XX completáronse as murallas e levantáronse novas, sen establecer a necesaria distinción entre o existente e o restaurado. Ás actuacións mais recentes corresponden cun adecuado criterio de restauración tipolóxica que permite a recuperación do paseo de rolda e a chamada Porta do Cabaleiro ao Norte.

Terminada a Guerra decidiuse manter a Praza-Forte de Salvaterra do Miño, como contrapunto á Fortificación de Monção.