Fortaleza do Monte Aloia

Alterar Idioma

No Monte Aloia consérvanse os vestixios de estruturas lineares construídas en pedra, que se presentaban previamente definidas como parte dun recinto amurallado, identificado como a Fortaleza do Monte Aloia.

Esta fortificación está formada por dous recintos, un maior a coroar o monte, e un menor situado a Norte, recollendo no seu interior unha elevación a partir da cal domina visualmente toda a Serra do Galiñeiro. A muralla presenta lonxitudinalmente uns impresionantes 3200m, dos cales 2250m corresponden ao primeiro recinto. No entanto pola súa forma irregular e alongada, o recinto interior é pequeno comparado co perímetro da muralla.

Subsisten algunhas dúbidas no que refire á época de construción. Tradicionalmente referida como unha fortificación castrexa, afástase do prototipo desas fortificacións polas súas dimensións. No entanto, en termos construtivos, así como pola súa forma irregular adaptada á topografía do terreo, pode incluírse perfectamente nesta tipoloxía.

As estruturas presentan un grao de conservación diferenciado, porén todas se encontran bastante alteradas. O tramo da pendente Nordeste, presenta derrocadas e está cuberto, en parte, por vexetación. O tramo da ladeira Sudoeste encóntrase caído, cuberto de terra e vexetación, de modo que o único que se consigue identificar, é o seu trazado. Nas partes nas que se poden observar os muros, estes posúen moi pouca altura. O tramo da ladeira Oeste encóntrase ben conservado por se tratar dun camiño. Poden observarse dúas posibles torres pegadas e un pouco salientes, en relación á muralla.
O recinto máis pequeno, pola forma como arranca a partir do primeiro, pola súa regularidade, e mesmo polo tipo de aparello dos seus muros, parece ser máis recente. Construído probablemente para defender o xa referido monte próximo (Forno do carbón). No interior do recinto maior consérvanse catro construcións rectangulares, dúas das cales cunha división interna.