No Centro Histórico de Tui atopámonos con dous elementos distintos: a muralla medieval e a fortificación abaluartada de época moderna. Por esa razón, a súa inserción no urbanismo da vila e a falta dun estudo completo e detallado de ambos, impiden, de momento, a súa correcta diferenciación.
A primeira destas fortificacións integra unha Torre, mandada construír por Alfonso VII en 1142 e un recinto amurallado construído no século XII, trala independencia de Portugal.
A planta da fortificación medieval tería unha forma irregular, tendente ao trapezoidal, coas esquinas arredondadas e o lado máis extenso paralelo ao río. Posiblemente incluía aínda, unha barbacá. A Norte presentaba catro torreóns cadrados e unha porta (Porta del Arco), a Este outra porta (Porta de la Pescadería) e dous Torreóns nos ángulos, a Sur un torreón e unha porta (Porta del Carballo) e a Oeste un redente e un torreón.
En 1643, durante a Guerra da Restauración, Tui como cidade situada fronte a Valença, foi fortificada ás présas. Foron construídos unha falsa braga e un revellín para protección da Porta del Carballo. Este sistema exterior á fortificación medieval reforzábao, dispuña de baterías e posibilitaba o uso de artillería. Actualmente consérvanse algúns destes muros na fronte virada para o río, así como o revellín e o muro Oeste.
Aínda, nese mesmo ano, mesmo despois de reforzadas as vellas murallas medievais e a débil falsa braga, estas continuaban a ser insuficientes. Alén de que, os conventos de St.º Domingo e S. Francisco, así como o núcleo de poboación, se encontraban extramuros. En maio de 1670, xa concluída a Guerra cos portugueses, a cidade foi finalmente fortificada.
Esta nova fortificación tería unha forma aproximadamente triangular coa base paralela ao río e a presenza de tres baluartes e dun foso sen camiño cuberto, en todo o contorno. As obras exteriores foron realizadas en terra e o foxo presenta moi pouca expresión.
Actualmente, subsisten varias portas de acceso, a Noroeste a Porta Pía, da cal se conservan os soportes do pano. Este soporte está pegado a unha estrutura que continúa en dirección Nordeste-Sudoeste e que podería ser o trazado da muralla medieval. Esta encóntrase construída en aparello de cantería, de grande envergadura e ben delineada nun primeiro tramo duns 2,50m, sendo o restante en albanelaría irregular de grande dimensión. Esta tipoloxía mural continúa a observarse entre as construcións, ata que fai un desvío a uns 50m da Porta Pía, abríndose a Este. Este tramo está actualmente ocupado polo patio dun colexio de relixiosas, onde se conservan varios torreóns e o camiño de rolda, que presenta unha planta semicircular, ata se perder a liña de muralla en dirección Oeste-Sur. Desde a Porta Pía en dirección a Norte e Nordeste, localízase un muro de construción posiblemente contemporáneo que se encontra situado sobre a hipotética liña da muralla medieval. Con orientación Norte-Este, paralelo ao acceso ao río desde o paseo, consérvanse tamén os restos dunha muralla, posiblemente a medieval, aínda que moi transformada.
De todo o conxunto, o elemento máis significativo é, sen dúbida, a súa implantación estratéxica debido á panorámica que ofrece, onde se destacan as torres ameadas da Catedral.