Introdución

Alterar Idioma

Capa LivroO Plano Director Conxunto das Fortalezas Transfronteirizas do Val do Miño / Baixo Miño, é unha publicación conxunta da Comunidade Intermunicipal do Val do Miño e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, co obxectivo de analizar os sistemas fortificados de ámbalas marxes do río Miño nunha perspectiva sistémica e integrada.

Na súa orixe encóntranse dous planos anteriores: o Plano Director das Fortalezas Transfronteirizas do Val do Miño e o Plano Director das Fortalezas Transfronteirizas do Baixo Miño; os cales evidencian, de forma inequívoca, a necesidade de articular e concertar a información compilada acerca dos sistemas fortificados que se desenvolveron nas marxes do Miño, mediante unha abordaxe conxunta, a cal contribuiría moito a profundar o coñecemento acerca deste patrimonio.

A importancia estratéxica e militar das fortalezas, obxecto deste estudo, deriva da súa localización, a cal depende claramente das relacións que se establecen co río Miño. Ao longo da historia da rexión Norte de Portugal/ Galiza este río ten representado distintos papeis. Factor de separación en determinadas etapas históricas, convértese noutras nun poderoso elemento de unión dos pobos portugués e galego. Deste modo, tamén as fortificacións implantadas na súa marxe, consideradas como elementos de defensa fronteiriza, poden converterse nun factor de aproximación.

A defensa fronteiriza baseábase, como se observa nos magníficos deseños de Duarte D`Armas, na existencia de pares opostos ou conxuntos fortificados, edificados en ámbolos lados da fronteira. Construídos con obxectivos da conquista e ocupación, teñen xeralmente correspondencia entre si, xa que defenden tramos específicos do río Miño, ou que pretenden dar resposta a determinado acontecemento histórico que puxo en risco a estabilidade da fronteira.

Actualmente, estas interaccións e relacións son precisamente as que se establecen nos conxuntos fortificados de ámbalas marxes do río Miño que os identifican hoxe como elementos únicos e singulares dentro de Europa.

O seu estudo nunha perspectiva global poría en evidencia, non só o seu valor documental, ou patrimonial senón tamén as súas potencialidades como recurso cultural e turístico endóxeno, transformándose nunha plataforma de coñecemento a partir da cal se podería tamén construír unha perspectiva común e consensual, con respecto ás estratexias de valorización das Fortalezas Transfronteirizas do Val do Miño/Baixo Miño.