Preambulo

Alterar Idioma

A rexión transfronteiriza do val do Miño portugués e do Baixo Miño Galego, corresponde a un territorio caracterizado pola presenza dun patrimonio rico e diversificado. Este feito representa para as autoridades responsables da súa salvagarda e conservación algúns problemas, no sentido de que os recursos humanos e materiais escasean, situación tanto máis grave canto maior a diversidade e riqueza deste patrimonio.

Ao mesmo tempo o referido patrimonio, comeza a imporse como un valioso recurso de desenvolvemento rexional, cando se integra en planos de promoción de turismo cultural. Polo que a cuestión da divulgación e revalorización patrimonial é un obxectivo prioritario para as autoridades político-administrativas de ámbalas dúas marxes do Miño.

Porén a problemática da intervención patrimonial supón aínda outro desafío: tódalas accións a levar a cabo que impliquen unha actuación sobre un determinado monumento ou conxunto, deben obedecer a estratexias de xestión e de preservación que garantan que a valorización do seu potencial turístico ou cultural non choque coa importancia dese mesmo monumento como documento histórico-arqueolóxico.

Esta iniciativa conxunta de publicar un Plano Director Conxunto das Fortalezas Transfronteirizas do Val do Miño/Baixo Miño, representa o empeño das autoridades portuguesas e galegas en toda esta problemática.

No seo dunha Europa na que as fronteiras se dilúen, o río Miño perdeu o seu papel como liña de separación entre dous territorios para converterse, nun elemento de unión, favorecendo a aproximación das xentes de ámbalas marxes. Tamén as fortificacións implantadas nas súas marxes, que, durante séculos, foran símbolo de identidade territorial, poden contribuír a marcar o novo carácter transfronteirizo deste territorio.

Estamos perante unha estratexia de xestión e de salvagarda do patrimonio, innovadora polo seu carácter integrado. Tendo en conta a propia natureza do patrimonio militar da rexión non tería sentido unha estratexia fragmentada, xa que analizando as fortalezas de forma illada non conseguimos comprender a súa importancia de conxunto. Pola natureza eminentemente estratéxica destes monumentos, o seu verdadeiro significado só pode ser entendido se ollarmos as relacións de axuda e oposición que se establecen entre estes.

Coa publicación do Plano Director Conxunto das Fortalezas Transfronteirizas do Val do Miño/ Baixo Miño, preténdese resaltar o carácter único e verdadeiramente transfronteirizo deste conxunto, tamén no que se refiren ás estratexias de revalorización patrimonial. Se o valor histórico destes monumentos reside no conxunto, ese debe ser tamén un eixo central nas estratexias de intervención a desenvolver.
Xorde así este Plano Director Conxunto, que cremos é un documento cun excepcional valor como recurso de divulgación patrimonial, porén tamén como exemplo dunha estratexia de revalorización innovadora, polo seu carácter transfronteirizo e de cooperación institucional, nun eixo de desenvolvemento estratéxico para o territorio transfronteirizo do Val do Miño Portugués e do Baixo Miño Galego.

Valença e Santiago de Compostela, Xullo de 2008
Comunidade Intermunicipal do Val do Minho

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia